Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey agradece a doazón dun novo cadro de Sofía Gandarias, que enriquece no Ágora o patrimonio cultural da cidade


‘Á bicicleta’ amplía os fondos da colección ‘O espectador’ coa que a pintora reflicte a relación entre María Casares e Albert Camus

A alcaldesa agradeceu o compromiso e xenerosidade de Enrique Barón, esposo da artista e presidente da Fundación Yehudi Menuhin, coa cidade da Coruña

Mañá celebrarase o último percorrido dramatizado de ‘Reflexos de María’, dentro dos actos do Ano Internacional de María Casares

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Fundación Yehudi Menuhin en España, Enrique Barón; presidiron hoxe a doazón dun novo cadro da colección ‘O espectador’, de Sofía Gandarias, que retrata a relación entre Albert Camus e María Casares.

O cadro cedido, ‘Á bicicleta’, quedou exposto no Ágora xunto cos outros dous anteriormente xa doados ao Concello, ‘O espectador II’ e ‘María Casares’, por parte da familia e da Fundación Yehudi Menuhi. A cuarta obra que pecha a serie dedicada pola pintora vasca Sofía Gandarias a María Casares e Albert Camus, ‘O espectador I’, espérase que poida ser incorporada tamén aos fondos pictóricos do Concello da Coruña.

O acto enmárcase dentro das actividades desenvoltas no Ano Internacional de María Casares, que rematarán este mes de novembro coa celebración dun congreso internacional sobre a figura da actriz coruñesa e coa estrea da película documental de Xavier Villaverde, ‘María Casares: a muller que viviu mil vidas’, o 21 de novembro coincidindo co día do nacemento da artista, do que se cumpre este ano o centenario.

A alcaldesa tivo palabras de especial agradecemento para Enrique Barón, no que conflúe a condición de esposo da falecida Sofía Gandarias e de presidente da Fundación Yehudi Menuhin, da que a pintora era patroa. Inés Rey destacou o compromiso e a xenerosidade de Enrique Barón coa cidade da Coruña, á que confía a custodia dunha parte da obra pictórica de Sofía Gandarias, “o que nos converte un pouco máis en protagonistas dentro do mundo da creación e da cultura”.

Durante o acto de doazón, a rexedora coruñesa subliñou que, dalgunha maneira, a traxectoria de Sofía Gandarias e de María Casares manteñen algúns paralelismos, cun recoñecemento que chegou en gran medida fóra das súas orixes, como demostra o feito de que a pintora fose condecorada cos títulos de ‘Caballero’ da Orde das Artes e as Letras francesa e Caballero da Lexión de Honra da República Francesa en recoñecemento ao conxunto da súa obra, especialmente polos seus retratos de figuras universais, como son Albert Camus, María Casares e outras como Primo Levi, Jorge Semprún, Augusto Roia Bastos, Yehudi Menuhin e José Saramago.

Inés Rey remarcou que a cesión levada a cabo supón tamén un acto de recoñecemento ao amor que se profesaron María Casares e Albert Camus, nunha relación reflectida polos cadros da colección ‘O espectador’ e nas 865 cartas que se cruzaron durante 15 anos; á vez que destacou a satisfacción e a responsabilidade que representa ser garantes e custodios das obras de Sofía Gandarias.

Os tres cadros permanecerán expostos no Ágora, ao carón da biblioteca que atesoura exemplares das obras de Albert Camus e dunha sala de teatro que permite recordar o enorme talento de María Casares, tal como lembrou a alcaldesa.

No acto, ao que asistiu o expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González-Laxe, amigo da familia da pintora, estiveron presentes tamén alumnos e alumnas do instituto Rafael Dieste que participan no programa educativo Mus-e, que desenvolven conxuntamente o Concello e a Fundación Yehudi Menuhin para o fomento das artes, a creatividade e a aprendizaxe.

Último percorrido dramatizado na Casa Casares Quiroga

Co cuarto e último percorrido dramatizado pola vivenda natal de María Casares, mañá xoves rematará o ciclo de visitas ‘Reflexos de María’, co que o Concello da Coruña, a través da Área de Cultura, pon en valor a figura da actriz coruñesa e reflicte a súa infancia na cidade.

O percorrido comezará ás 19.00 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade, polo que non se precisa a inscrición previa. Ten unha duración aproximada de 50 minutos e a idade recomendada para participar é de máis de sete anos.

‘Reflexos de María’ é unha proposta de teatro específica para o sitio, cunha peza deseñada especialmente para a Casa Casares Quiroga, e coa que se recupera a figura de María Casares, poñendo en valor a súa orixe coruñesa. ‘Reflexos’ céntrase na infancia da actriz e desenvolve un percorrido na Casa Museo Casares Quiroga, o fogar natal de María. O público percorrerá a vivenda e as vivencias persoais e profesionais da pequena María Casares, interpretada pola actriz Nerea Brey, e visitará todos os pisos da casa familiar.

A peza, creada pola propia Brey e Ernesto Is, ten a súa orixe en ‘Despois das ondas’ (2022), de Ernesto Is, na que o escritor evoca o regreso de María Casares á Coruña despois de converterse na gran dama do teatro francés. Esta foi a primeira peza dramática longa escrita en galego sobre a vida e a carreira da actriz, que viu a luz en 2019 no Teatro Colón da Coruña. Con motivo do aniversario da actriz, a obra foi reeditada e volve ser representada novamente na Coruña, nesta especial adaptación. A actividade enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey pola posta en valor das Casas Museo, cunha variada oferta de actividades para todos os públicos.